noticia

- La voz de Galicia
O As Torres recibe o Premio Nacional do Deporte Galego ao mellor equipo
O club catoirense recollerá o vindeiro día 30 o galardón, concedido pola Dirección Xeral para o Deporte da Xunta

Autor:
Pablo Penedo
Fecha de publicación:
22/11/2007


O xurado dos Premios Nacionais do Deporte Galego 2006/07 vén de poñerlle a guinda á brillante tempada que o As Torres-Romaría Vikinga pechaba no pasado mes de setembro. A directora xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Souto, comunicoulle por carta ao presidente do club catoirense, Andrés Castaño, a concesión ás Torres do Premio ao mellor equipo da Comunidade. Un galardón que lle será entregado á entidade do Baixo Ulla o vindeiro día 30 nunha gala que se celebrará no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e na que se repartirán outros dez premios autonómicos ao mellor deportista, mellor adestrador ou mellor iniciativa en deporte escolar, entre outros.
Na súa carta a Castaño, a directora xeral salientou que o traballo do As Torres-Romería Vikinga «ao longo da pasada tempada supón un exemplo para todo o deporte galego», á vez que quixo animar o club «a que siga traballando para seguir sendo un alicerce fundamental do noso deporte».
O presidente do club catoirense amosouse onte «sorprendido» pola concesión do galardón, que recibe como un «recoñecemento oficial e público do noso esforzo durante todos estes anos». Castaño di que «estamos orgullosos e moi contentos de que unha institución se fixe no labor que estamos a facer» e do mérito que teñen os grandes éxitos colleitados por un club modesto dunha pequena localidade de Catoira.
E é que o 2007 remata para o As Torres-Romería Vikinga co seu quinto título consecutivo de campión da Liga Nacional de Piragüismo Hernando Calleja, ao que lles engadíu os da Copa de España de Promoción Infantil, da Copa Xunta de Galicia e os das tres competicións que a compoñen: Gran Premio de Pista, Gran Premio de Ríos e de Travesías e Gran Premio de Promoción Infantil. Un palmarés impresionante que se completa co subcampeonato da Copa de España de Ríos.
Con 137 piragüistas con licencia federativa, o equipo catoirense conta ademais con dous palistas no Centro de Tecnificación de Pontevedra, os cadetes César Lombera e Marta Conde, cunha dama na selección española sub 23 no Centro de Alto Rendemento de Murcia, Elvira Longa, e cunha kaiaquista na selección española absoluta de maratón, María Pérez.